Thursday 02 de May de 2024

O Concello retoma “En Directo nos Barrios” cun primeiro concerto no Espazo Xuvenil O Remanso


Terá lugar o mércores 3 de xaneiro ás 20.00 horas, con acceso libre 15 minutos antes do comezo e dispoñible ate completar capacidade

O programa de showcase dá a coñecer o traballo dos grupos procedentes dos Locais de Ensaio Municipais

O Concello da Coruña retoma o ciclo “En directo nos barrios” no 2024, cun primeiro concerto a próxima semana. O Centro Xuvenil O Remanso acollerá a primeira cita do programa recuperado polo Goberno de Inés Rey co obxectivo de dar difusión ao traballo realizado nos Locais de Ensaio Municipais. Así, os grupos residentes dos locais, realizarán concertos en formato showcase, dando a coñecer as novas propostas musicais da cidade.

Neste primeiro concerto participarán dúas agrupacións: Roda Door, grupo de estilo pop-rock que veñen de completar a súa formación coa inclusión dun quinto integrante, logo dun tempo traballando e definindo o seu proxecto; e Metal de Nordés, quenes fai pouco máis dun mes publicaban “Tempestade”, o seu primeiro traballo, que contén 7 temas e pode escoitarse nas principais plataformas dixitais de audio. Estas son dúas agrupacións das 18 residentes na actualidade nos localis de ensaio municipais.

O concerto terá lugar desde as 20.00 horas no Espazo Xuvenil O Remanso. O acceso ao público será libre desde 15 minutos antes do comezo e até cubrir a capacidade do recinto.